quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.11




nas noites nas que se arde sen lume coma nunha cacharela de apalpadas murnas. nas noites nas que o camiño é un segmento indescifrable de pisadas pola sombra sen sombra das ausencias (cando un é a súa propia ausencia, unha ave estática no ceo, arrolado paxaro sen futuro). nas noites nas que o medo ten tantos matices… urco atroz.




o coche está en pleno proceso de transformación (de omnívoro a herbívoro en menos de vinte segundos) e mentres tanto en bagdad todo está aínda por vir, por ver, por voar (a manía das aves, de case todas as aves).




silencio de (glenn) branca




noites en branco (en branco satén, en branco branquísimo de zurbarán, en branco sobre branco) que son as noites máis densamente negras, as noites máis longas do ano sen que a eclíptica importe, sen que os millóns de datos que cada milésima de segundo son recollidos en centos de observatorios poidan servir absolutamente para nada.




mil e unha noites debería ser o título dun tango e sherezade tería que arquear o seu corpo coma un bandoneón ata facer saltar a banca polos aires, polos bos aires queridos de damasco, dese oriente próximo tan lonxano que un escribe e escribe e escribe e nunca da chegado (como fixeches ti, querida ou queridísima chus, chus pato, chus de epiceno nome?). un día terás que dicirmo aínda que non te entenda, aínda que te escoite como se estivera a ler el extranjero na miña adolescencia e me quedara para sempre coa palabra asfódelo na lingua e camus se reducira a unha abrótega en flor ó final da primavera.

5 comentários:

O Raposo disse...

No primeiro golpe de vista do colaxe pareceume que o rostro escéptico e atribulado de Julio Anguita mirábame nunha noite constitucional como esta. No segundo golpe de vista.... Non o será pero dáselle un aire.

cave canem disse...

Raposo, ten vostede escoitado o refrán que di 'se ten barba, San Antón, se non, a Purísima Concepción', ou algo semellante?
Pero pode ser que San Antón e Anguita teñan parecido.

mongoloid disse...

"Des sociétés sauvages aux sociétés modernes, l'évolution est irreversible: peu à peu les morts cessent d'exister. Ils sont rejetés hors de la circulation symbolique du groupe. Ce ne sont plus des êtres à part entière, des partenaires dignes de l'échange, et on le leur fait bien voir en les proscrivant de plus en plus loin du groupe des vivants, de l'intimité domestique au cimetière, premier regroupement encore au coeur du village ou de la ville, puis premier ghetto et préfiguration de tous les ghettos futurs, rejetés de plus en plus loin du centre vers la périphérie, enfin nulle part comme dans les villes nouvelles ou les métropoles contemporaines, où rien n'est plus prévu pour les morts, n dans l'espace physique ni dans l'espace mental." (Baudrillard, Jean, L'échange symbolique et la mort, Paris, Gallimard, 1976, 195-6)

cave canem disse...

Nulle part. Mais nós aínda vivimos nos restos dunha terra na que a morte/os mortos 'perduran' a carón e non 'loin du groupe'. Ben é certo que a perda do mundo rural (vid. Berger e.g.) semella un fenómeno sen volta atrás e, conmo consecuencia, achegámonos pouco a pouco a Baudrillard. Para nós (Antón Bahamonde dixit hai uns días na prensa) eso supón tamén ir constatando a 'inevitable' (?) morte da lingua, por moitas normalizacións lingüísticas institucionalizadas que se fagan. É así que escribimos/falamos sen esperanza de futuro (punkies a tope).

Anónimo disse...

con todo son as criatruras en éxodo do mundo (as letras, os defuntos, as furias, os soños...)esas de existencia máis que dubidosa, metade aparación, metade nada as que non fan humanos, as que nos fan permanecer no mundo

(algo así)

claro que o humano case non hai // por ningures

atentamente

Ada Murati