sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.16


circunnavegar a historia polo paralelo 17, polo paralelo 38… verificar detalles na esfera armilar.




gralla. gralla. gralla.




o xen da lírica, o código da circulación sanguínea (os ingleses levan a contraria por sistema, pero inventaron o fútbol e inventaron os beatles e inventaron a hora do té e inventaron a flema británica e seguramente inventaron algunha outra cousa que se me esquece agora).




o paradoxo do conxunto de números imaxinarios ó elevar unha vocal ó cadrado e obter menos un. e os de letras agardando a que viñeran os de ciencias para darnos conta do valor que teñen os signos… os poetas contando polos dedos (spitzweg).




as grallas e a torre de narla… e o meu merlo na póla dun loureiro na hora do máis fondo recendo negándose a asubiar a miña fermosísima melodía, me estás oyendo, inútil? life is long, my love has gone away.




os nomes das cousas, onde buscar os nomes das cousas, de tantísimas cousas? cada cousa e o seu nome e unha boca, unha man, unha ollada, un vínculo co mundo (todos os nomes perdidos son sombras de sombras na hora do máis fondo recendo).




biolencia é un paxaro negro pousado nunha sombra mentres o tren da noite circula polos raís de ferro de dous paralelos de distinto radio (excentricidades). o tren. horario de trens con saída para birkenau (vagóns repletos de ollos malva de cardo con sabor a fume e a lamento). biolencia é o nome do paxaro, do único paxaro.




gralla.gralla.gralla.



meu merliño, enmudecido, agardando que cheguen as primeiras cereixas no medio e medio do poema, no medio e medio dun loureiro, no medio e medio da desolación. supoño que o merlo é tamén un invento inglés.

6 comentários:

Anónimo disse...

Johan Sebastian Mastropiero ten unha peza titulada "Mirlus amarillus o mirlo amarillo: el pájaro sordo". Dou por feito que a coñeces....Obrigado por tecer coma Penélope, enfiando paralelos, i.e, nada meridianos, que se ensartan uns cos outros neste melancólico tecido, punto-cánido, punto-palmípedo....Define definir:
Quedei mudo
e fuxiu o meu can,
pasou xa o entroido

cave canem disse...

Eu tamén quedarei pronto mudo e afogado neste meu punto/puto-cánido ou punto/puto palmípedo e, aclaro, non tezo coma Penélope, pero si destezo.
Benvido, portador de diccionario da rag con pseudónimo de poeta xapo, este can xa nin ladra, pase sen reparos e diga o que lle pareza ben (ou mal).

Anónimo disse...

Ai, Cave Canem, non sabe vostede o que me lembra este Bashô a un meu sobriño! E aproveito o espazo para dicir tamén que estou encantadísimo por ver como o omniscente Manu Rivas citaba onte a Bohumil Hrabal, con quien tanto yo quería! Agora xa tan so falta agardar polo bombo.

Anónimo disse...

Bashô, Bohumil...o Tío Pepin ten sobriños con nomes que empezan por B (ou por V???), define sovriño...., tamén lembro algún can cun B coma inicial...outro Vashô de biño, por fabor...

rostro sobre rostro
e unha ausencia,
qué frío fai!

FraVernero disse...

Está visto que desexa rematar vostede antes de Nadal, case, coma o pesadelo de Tim Burton...

Bashô, alén de confeccionar os mellores haikus que teña lido (en traducción, claro, que sempre deturpa moito, e competindo man a man con Shogui) facía unha presenza estelar nuns versos-parodia daquel capítulo dos Simpsons en que Lisa ía á universidade... cos fans borrachos de Robert Pinsky ouvenado 'Basho!

Anónimo disse...

non pode ser todo á vez, moderación e exceso... noms de pays: le nom: Birkenau e os ingleses: vaiamos por partes, ti prego: pero aínda lembras a delicadeza e se iso non salva, salva o seu espectro e de que sirve non dicilo para que a apareza o outro: aparece? é o que se ve no espello do orgasmo, como quería Bataille? e non será antes? pero non: prometo non volver romper a lóxica do comentario de texto: e os ingleses: os ingleses inventaron a Marx (Dickens) e á primeira escritora solteira e melancólica que é a única, a única moza á que amei que foi a nacer entre xeranios e foi (ela si) enterrada viva en Holanda, en 1945... cando morra serei unicamente "janeite"