segunda-feira, 31 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.19 (derradeiro acto de biolencia)


r.i.p. (ripio definitivo): é esta unha agresión stoniana e nerviosa, e é este un enigma de baixa intensidade, unha lingua rosada de can sedento bebendo viño barato besarabo. linguas mortas: babel (as escaleiras da torre levan a odesa, levan ó negro mar da historia ou, quén sabe, moito máis lonxe).




r. é a radio, non importa a emisora, é a radio, dá o mesmo que sexa de galena (quen lembra un aparato de radio de galena?) ou transistor (quen lembra…?).



i. é un número imaxinario que expresa o valor da raíz cadrada de menos un, sempre de menos un, salvo casos alucinantes que son inimaxinables por moito que lles fagamos nichos no regazo dos versos: non hai tren que non leve a birkenau.




humildes floreiros de vidro e flores malva de cardo e nunca lirios amarelos irritantes.




pi é unha letra grega coa que se pechan os círculos viciosos.




seguramente un lirio amarelo a fin de contas non deixa de ter o seu encanto e toda a irritación se atopa na mirada, nunha mirada torpe e biolenta.




pensas acaso que o poeta…? (queridísima chus, chus pato). imposible pensar en otra cosa (queridísimo bolaño, queridísimo roberto bolaño, me estás oyendo, inútil?). o meu merlo voou do pentagrama de espiños. un billete de intercar enriba da mesa, uns versos antigos (xa apenas quedan versos), un fragmento dunha conversación que dous descoñecidos manteñen ó meu carón: siempre llueve cuando las nubes vienen de toledo.




define nube, queridísima ou queridísimo lectora ou lector: nuve (por suposto, con uve), define a biolencia dunha nuve que veña de toledo tal e como se agora mesmo este non lugar se chamara para nós madrid, se chamara para nós madrid nun mes de setembro de mil novecentos oitenta e seis nunha estación de autobuses de finais de verán.



define biolencia dun xeito visceral e inevitable… en defensa propia, digo.

14 comentários:

FraVernero disse...

Fin de ano e fin de can, entón? Es demasiado cruel connosco... Terías a obriga moral de continuar por outros derroteiros, cunha nova casa, se queres, máis convencional e só con invasións poéticas de vez en vez...

Será que densenrolei síndrome de Estocolmo, e chegáronme a gorentar moitos as túas continuas agresións e moraturas espirituais... ata che deixo un pequeno agasallo de Nadal en forma de imaxe e mosaico:

http://www.the-colosseum.net/images/cavecanem.jpg

Unha aperta, e feliz aninovo!

Raposo disse...

Agora que estaba a pique de definir roberto bolaño, chus pato, nube, ollos de cardo, cemiterio, birkenau; agora que estaba a pique de definir biolencia, vas e rematas con esto.
Non hai dereito, oh! Dígocho en confianza, dun animal a outro.

Anónimo disse...

non parece que as nubes naveguen nun medio hostil

danme ganas de escribir neste anaquiño unha biblia enteira... en fin can cave xa ves como se puxo a chover, todo porque ti te vas , pois vas ter que inventar outra casa, que vai ser de nós

Feliz 2008

Ada, fumando un murati(se constrúes outra cas rexistro o nome)

Anónimo disse...

VIOLENCIA, EVIDENCIA, NATURALEZA

Non era quen de saír da sombría idea de que a verdadeira violencia é a do que se da por sentado: o que é evidente é violento ainda se esta evidencia está representada suavemente, liberalmente, democraticamente; o paradóxico, o que non entra dentro do sentido común, o que é menos, aínda si se impón arbitrariamente: un tirano que promulgase leis estrafalarias sería, ao cabo, menos violento que unha masa que se contentase con enunciar o que se da por sentado: en suma, o "natural" é o derradeiro dos ultraxes

Roland Barthes

atentamente
Ada

Anónimo disse...

Querida Ada, vostede xa sabe que algún día terei que reler a Barthes
(o Barthes que eu lin, obvio).
Encántame ver como, polos motivos que sexan, aínda existen certos impulsos que producen comentarios neste extinto blog.
Saúdos.

Anónimo disse...

mentres acabo o imposible de acabar lembro a diferenza entre Greta Garbo e Audrey Hepburn (cf. "Mythologies")... que é a diferanza entre bio-lencia e levar bolsitos co rostro da segunda... a raíña María Cristina de Suecia é xa obxecto polo tanto tería que ser dúas veces obxecto... pero Audrey era mecanógrafa con letras nos dedos como nun filme de David Lynch... e'l naufragar m'è dolce...

Anónimo disse...

nesta erma cuiña (o infinito)

pero compañeiros! lichedes no Pais-Galicia, no suplemento cultural a reportaxe "Entrre o vello e o novo", pois se non o lichedes, ledeo, alí sae o blog e saimos tod*os

bicos

Ada

Anónimo disse...

"vencido por la realidad y por Hespaña..."

he, he, he...

parabéns a cave canem polo seu éxito mediático e entre os grandes teóricos do país...

en fin... lamento discrepar, pero a pesar do "bo" Arturo Casas, que foi meu admirado mestre... cave canem e este blog non teñen lugar no artigo d'EL PAÍS... afortunadamente para eles... tampouco Beuys ten lugar no Pompidou... a pesar de que o Pompidou ten lugar nel... e a xeración dos herdeiros non toca este lugar que se conforma e emerxe... por iso estou e estamos aquí... non todos, senón os que estamos...

Anónimo disse...

lara e ada en l, mongoloid en p, ex cave canem en b:

Non estaba ao tf en 15782 segunda feira 15, consideraba doutrinas no cenobio, e remitín isto (escrito) a Daniel Salgado:

"A concreción do “novo” no terreo artístico e literario e unha cuestión cada vez máis complexa. Non creo que deba reducirse ao factor idade, como nalgunha medida contribúe a demostrar a aparición das Redes Escarlatas co seu libro de 2003, aberto por Oriana Méndez e pechado por Luz Fandiño. Ambas compartiron nalgunha medida un mesmo programa de intervención malia as súas respectivas datas de nacemento estaren separadas por máis de medio século.

A iso, arestora, súmanse factores como as prácticas que en xeral poderiamos chamar de sedimentación, a través das cales os textos e obxectos que consumimos se presentan como resultado ou rexistro dunha energeia só moderadamente posta en xogo. Paréceme que se concretan así advertencias ou ameazas de tendencia, unha xestualización que recorda o xeito de marcar golpes nalgunhas artes marciais (estamos-aquí-e-se-queremos-mancar-podemos), tamén o accidental dunha culminación no modo impreso. A noción de obra acabada creo que entra en crise, ou en todo caso se teatraliza esa finalización como un rexistro máis do percurso. O suxeito pasa como sen querer, como sen intencionalidade, e deixa marcas que poden lerse como obra. Acabada tal obra, acabado tal suxeito. Anunciar a propia caducidade do discurso/autor, como vén de facerse no blog Biolencia, é un avance significativo nesa liña.

Resulta patente tamén, vén sendo case o mesmo, o acurtamento ou a mobilidade nos compromisos de grupo. É importante, porque tradicionalmente foron os grupos os que reclamaron o recoñecemento e a lexitimación das identidades de axente. Ser novo consistiu adoito en ser aceptado ou cooptado desde o grupo posuidor desa etiqueta. O “novo” que fica á marxe de dinámicas grupais recoñécese como tal só post-mortem. E isto todo o mundo o sabe.

Na literatura actual percibo algunhas notas que cuestionan certos consensos e modifican en parte as coordenadas de campo. Unha das máis nidias é a aposta por indagar o urbano e o neo-urbano á marxe de dialécticas identitarias. Outra consiste en explorar as travesas do auto-testemuño, da fé de vida. Unha terceira é retórica: desfacerse dos vellos modos de enunciación e activar outras linguaxes. Das tres, creo que só a primeira ofrece resultados realmente novos nestes anos últimos. Nos outros dous vectores hai seguidismo de modelos enormemente poderosos fundamentados nos anos noventa por autoras como Chus Pato".

Grazas, cave canem, polo peixe.

Anónimo disse...

Tampouco hai que ser tan radical, non si? Esto non tiña por que rematar. Ademais, non vexo eu cal é a causa pola que o can anónimo non pode xa mostrar a súa verdadeira identidade. Eu teño certa ansiedade, entre outras cousas porque xa fixen as miñas maquinacións sobre o asunto.
E agora a esperar.

Anónimo disse...

'waiting in vain', un clásico (Bob Marley ou, o after de Annie Lennox).
O certo é que eu tamén volvo por aquí de cando en vez, xa ve, 'anónimo'.

Anónimo disse...

Penso que atopei o blog que estaba buscando. Gardarei o segredo. Como demo non chegara aquí antes? Está moi ben.

Anónimo disse...

“A biolencia é pechar a porta das palabras. Acoitelar as bocas. Lapidar as lembranzas. Vestir de loito a liberdade. Desangrar os versos sobre nubes espiñentas. Asasinar a letra pi coa estratexia dun número para deixar francas as cancelas de todos os círculos viciosos..."

Espero que sigas practicando iso de volver de vez en cando por aquí, ex cave canem, e saibas que o interese favorece a búsqueda....

Anónimo disse...

Hello. This post is likeable, and your blog is very interesting, congratulations :-). I will add in my blogroll =). If possible gives a last there on my blog, it is about the Notebook, I hope you enjoy. The address is http://notebooks-brasil.blogspot.com. A hug.