domingo, 4 de novembro de 2007

AGRESIÓN.1






‘define biolencia’, dille (di) a actriz metida no seu papel que é o papel dunha actriz…




chus pato cun seu poema no abcd dun sábado calquera (non quero comprobar en cal) do mes de maio e, tan chus pato coma sempre, falando (escribindo) sobre o que escribe chus pato e metendo (meténdose en: pero non é posible) auschwitz tal vez birkenau.




camiñar. camiñar polas corredoiras que aínda quedan sen asfaltar e ir vendo como a natureza rebentou, como son miles as herbas, das que non sei o nome, que me fan a min salvaxe… pero aí están tamén os estalotes poñendo esa cor de alivio, os bieiteiros coa súa absoluta e impresionante floración dun branco de exactas harmonías, os aligustres cos seus pequenos e tamén brancos acios floridos, as abrótegas remitindo á infancia, remitíndome a min á miña infancia e, querida e sen embargo descoñecida chus pato, a esa palabra castelá que tanto me chamou a atención cando na miña adolescencia lin seguramente sen entender moi ben ‘el extranjero’ de camus: asfódelo (un camus, por certo, co que bato nunha cita que del fai no libro que teño estes días entre mans, unha recopilación de ensaios de virilio, en fin, algo anecdótico aquí e agora, ou non).




sempre me queda a inseguridade de ter comezado polo principio. como se pode saber que cando un comeza o fai por onde hai que comezar, digamos, por exemplo, un poemario? como sabe chus pato por onde debe iniciar un poemario ou, máis simple: un poema; como saber cal é o primeiro verso (xa non existen apenas versos) dun poema?

1 comentário:

Anónimo disse...

no principio a agresión: mísiles dirixidos contra a propia estructura celular (Beckett): unha ameixa morde o nariz do asasino mentres todo sucede de costas ó suxeito: a agresión sempre no seu mesmo principio: o que opine de todo isto Chus Pato é o de menos (vid. Critchley, Simon (2002), "On Humour", London, Routledge)