terça-feira, 6 de novembro de 2007

AGRESIÓN.2




chupitos de penalti. ceas de fin de curso nas que os chupitos de penalti e o balbordo musical tipo dance cutre ou dance a secas se impón entre as luces intermitentes que fan cambiar o espectáculo visual dun antro calquera a unha hora calquera dunha noite calquera dun final de curso calquera.




a adolescencia sempre foi ó fin e ó cabo un chupito de penalti.




peter handke nunha ruinosa abadía recibindo a un don juan en decadencia e, por outro lado, fora ou non fora peter handke senon o narrador, un narrador, un narrador que gosta de cociñar con paciencia e cariño e que relata minuciosamente cada acontecemento que o entorno natural lle ofrece: árbores, esas herbas que a min me fan un salvaxe e que a el (ó narrador, a peter handke se é o caso e, en última instancia sempre é o caso) lle dan prestancia e cultura, flores (espuelas de caballero que eu non sei traducir mentalmente en imaxes e que non quero ir á rede para destrozar cos datos precisos a miña fantasía)…




a voz dunha muller cantando, cantándome… as voces das mulleres son o espectáculo máis fermoso de cada primavera. as voces. onde se perden todas esas voces que un día surcaron as nosas vidas para facelas necesarias, para xustificalas? onde van esas voces, esas voces de muller?




atentado con coche bomba no centro de bagdad. gañará a liga o madrid ou o barça? o que domine o centro levará o gato á auga… gato escaldado… a sabedoría popular ten moito de felina. pero quen carallo pode ter un coche en bagdad a estas alturas do desastre? …o prezo dos seguros en bagdad, velaí un tema para poñer os pelos de punta (índice dow jones para que jaimito faga un pareado ou adosados a moreas: servicio de grúa, danos a terceiros, a todo risco, etc.).




calcular canto tempo tarda un obús de última xeración en percorrer a distancia que separa bagdad de damasco se no meridiano de greenwich son as 00:00 horas de calquera día de calquera mes (excepto ramadán). non son precisos máis datos porque se trata, obviamente, dun problema meramente filosófico e non matemático, ou, con certa precisión, metafísico e non lóxico, pero si loxístico, ou sexa, absurdamente lírico e por tanto oposto per se a toda xeometría euclidiana (cando menos).

2 comentários:

SurOeste disse...

Pero ti que dis, ho? Todos os poemarios de Chus Pato téñochos eu e xa non chos devolvo, ai iso non!

Anónimo disse...

pero tamén esvara dun lugar a outro, a pesar dos chupitos de penalti e a luz intermitente das discotecas cutres do pueblo, esvara dun lugar a outro, entre dous compartimentos estancos que xa non son tal: é esa a nosa única defensa (sempre individual e noventa anos despois)? cabalgar sobre o lago de Konstanz? (vid. Butler, Judith, "Bodies That Matter: On the Discursive Limits of "Sex"", London: Routledge, 1993)