segunda-feira, 19 de novembro de 2007

AGRESIÓN.6


unha cadela de frade deambula polo chan da cociña e leva un rumbo que mesmo permite deducir un plan predeterminado de viaxe se non fora porque ó pousarlle o meu pé enriba un case imperceptible crash lle puxo punto e final á súa aventura.




dous corpos impactan sen recato no medio e medio dos restos dunha vella alvariza chea de follas secas. o sexo é unha ruleta rusa e todo xogo produce adición e, por suposto, incalculables desgracias. sen embargo nada detén esa boca que roe os codesos ardentes das túas entrañas.




falei da fotografía? si, claro, eu falo sempre da fotografía; da fotografía como azar, como proxecto escrupulosamente predisposto para atrapar o efémero (non hai outra maneira). pero non resulta fácil andar coa cámara a costas disparando unha e outra vez nos cemiterios (naturezas mortas, meu amor, absolutamente mortas e, sen embargo…).




o amarelo dos lirios irrita. irrítame sen poder explicar a causa.




auschwitz é o nome dunha flor, dun cardo que se eleva coa súa violácea cor no medio e medio das estradas (peter huchel que estás nos ceos), os teus ollos son flores de cardo mirando para auschwitz coma se dun verso (que poucos versos se necesitan para tocar na ferida!) se tratara, coma se dun verso de chus pato se tratara, un verso coa palabra birkenau, un verso vestido de cardo, un descarnado cardo ou verso no que morrer de sede abrasado polos teus ollos asustados, aterrados.




condenado a escribir constantemente o mesmo poema un xa desmedido poema que finalmente non dirá nada senon só a aspiración a dicir nada, ese ourobouros de palabras malditas.



imposible pensar en otra cosa. impensable.

4 comentários:

Anónimo disse...

e procurarás a roupa diminuta, as fotografías dos meniños, das meniñas de Auschwitz e non terás ollos, como ninguén os ten neste museo estatal de Oswiecin

en terras lacustres, en terras de cínifes, en terras de pantanos (...)

polo demais, amarelos ser son os narcisos; os lirios so teñen unha raiaña dourada, ser, son máis ben brancos ou morados

**

cave canem disse...

Mon cherie anónimo: Iris pseudacorus.
Polo demais, amarelos son os submarinos.

Colono Escopio disse...

...e o can do frade, aínda que todo can sexa can de poeta.

Anónimo disse...

imposible de dicir era un poema de Robert Pinsky que saía nos Simpsons: a pequena Lisa facíase pasar por universitaria: e, finalmente, non nos facemos pasar todos por outra cousa? (vid. Starobinski, Jean, "La mélancolie au miroir. Trois lectures de Baudelaire", Paris, Julliard, 1990)