domingo, 18 de novembro de 2007

(II) AGRESIÓN.5


(non creas que me esquecín de ti, queridísima chus pato, son así de paranoico ou de túzaro e, de feito, hoxe comprei nínive e non dou atopado m-talá e moito me fode porque é -debe ser- pedra angular e non me abonda charentón nin a ponte das poldras nin heloísa…).




…se poidera saber os nomes! digo todos os nomes, os nomes de cada cousa, de cada ser vivo vexetal ou animal, pero tamén de cada pedra, de cada xeografía e, si, tamén, de cada estrela. un vive buscando os nomes, permanentemente vai detrás deles, sempre á caza, depredando coma un louco coas poutas dun blake e os ollos desquiciados do saturno de goya.




as grallas, meu amor, voan todas derredor da torre de san paio de narla e, a pesar dos anos, a pesar de tanto tempo, as grallas semellan seguir sendo as mesmas e nós somos sempre outros. (unha torre resulta case imprescindible no medio dun poema).



ben sei que non soportas esas dalias amarelas que eu plantei á beira do camiño. flores tuberculosas.

4 comentários:

Anónimo disse...

as letras son fantasmas; coas letras, cos fonemas emitimos sons e visións: non teñen existencia, non teñen biografía (dicimos: un unicornio non ten existencia real) pero coa voz, coa escritura, coas dalias amarelas... permanecemos no mundo

Anónimo disse...

podería ser unha banda sonora?


http://www.youtube.com/watch?v=xwbArbn5QWk

cave canem disse...

Permanecer: velaí a utopía.
PJ e o 'Silence' medrando dende os dedos que premen as teclas do piano.
Este 'puto' blog: parco dei mostri.

Anónimo disse...

podería, unha banda icónica e sonora
**